Antonia Eiriz naceu na Habana en 1929. Iniciou os seus estudos de arte na academia de San Alejandro en 1951 e graduouse de profesora de debuxo e pintura en 1957. A partir de 1959 comeza a participar profesionalmente en diversas exposicións dentro e fóra de Cuba; de maneira tal que vai tomando o seu propio lugar dentro da pintura cubana. Antonia Eiriz é descendente dun galego: o seu pai era oriúndo de Chantada, na Galiza.
Antonia Eiriz crea un universo intenso que reflicte as paixóns ocultas do ser humano, os seus pesadelos, os seus espantos máis temidos. Valéndose de figuras e realidades retortas, deformadas, agónicas, enrístranos todo un mundo abraiante polo grotesco e brutal, pola súa traxedia e podremia. Amosa un inexorábel parentesco con Goya: os duros trazos, a brusca xestualidade, a realidade enmascarada do macabro e do bestial, as cores violentas e feroces (escuras, sobre todo o negro, ás veces sobre un fondo branco, outras veces resaltado polo amarelo ou o azul), os efectos tenebrosos da moca; en fin, toda unha visión vigorosa e arrepiante do mundo. Entre os expoñentes máis significativos desta poética poderían citarse: "Anunciación"(onde unha muller sentada nunha cadeira, fronte á súa máquina de coser, recibe aterrada a visita anunciadora dunha caveira), "Requiem por Salomón"(1963), "Mis compañeras", "Las pirañas", "El vaso de agua", "A capella", "Ante la mesa", "El muñecón", "En la espera", "Ni muertos"(tríptico), "Procesión"(1963), "Los visitantes".