jueves, 8 de febrero de 2007

Un ollo de vidro. Memorias d’un esquelete (1922)

Novela curta, inicialmente inserida como apólogo na conferencia "Humorismo. Debuxo humorístico. Caricatura" (1920). Trátase dunha narración do xénero do humor macabro, aínda que cunha carga crítica e cunha intención didáctica.

Un ollo de vidro. Memorias d'un esquelete

Leutor:

Certo día fitoume unha vaca. ¿Que coidará de min?, pensei eu; e naquel intre a vaca baixou a testa e sigueu comendo na herba. Agora xa sei que a vaca somentes dixo:

—Bo, total un home con anteollos.

E ó mellor eu non son máis que o que coidou a vaca. Velaí a ledicia de pensar que cando a miña calivera estea ó descuberto xa non poderá xuzgarme ningunha vaca.

A morte non me arrepía e o mal que desexo ó meu nemigo é que viva até sobrevivirse.

Eu son dos que estruchan a cara pra apalpa-la propia calivera e non fuxo dos cimeterios endexamais.

Tanto é así que teño un amigo enterrador nun cimeterio de cibdade. Iste meu amigo non é, de certo, amigo meu; é somentes un ouxeto de esperencia, un coelliño de Indias. Un enterrador sabe sempre moitas cousas e cóntaas con humorismo. Un enterrador de cibdade que dispe e descalza ós mortos pra surti-las tendas de roupa vella, ten de sere home que lle cómpre a un humorista. Un enterrador que saca boa soldada co ouro dos dentes das caliveras tiña de sere meu amigo.

Iste enterrador tense por home de ben e cóntame cousas tráxicas que fan rir e cóntame cousas de rir que arrepían, e coas sorpresas da súa conversa fuxen as horas sen decatarme.

Boeno; o conto foi que un día collín o camiño do cimeterio e atopei ó enterrador un pouquiño non sei cómo, e dispois de falarmos moito díxome que tiña de contarme en segredo unha cousa, sempre que eu fose home de ben e amigo leal. Eu fiquei un pouco encorado polo medo á sorpresa descoñecida e, dispois de collerme polo ombreiro e arrechegarme os seus beizos podres á miña orella, díxome paseniñamente:

—¡Atopei uns papeles nunha caixa…! Nunha caixa que non sei de quen sería. O esquelete tiña na calivera un ollo de vidro que me fitaba con senreira.

E o enterrador sacou de a rentes do coiro uns papeles enrugados. O enterrador non sabía ler e doumos a min pra que llos lese. Eran cachos de periódico, papeles de fumar... todos numerados, e no primeiro campaban istas verbas: "Memorias dun esquelete".

Aquela letra era traballosa de ler i estaba feita cun garabullo.

Cando rematei a leutura xa escomenzara o antre fusco e lusco e o enterrador, moi amocado, xurou que se non fose por Deus íñase ó esquelete i escacháballe a calivera cun sacho.

Despedinme dil e cando xa iña pola estrada, camiño da cibdade, oín que me chamaba dende a porta do cimeterio.

—¡Oia, veña acó!

E dispois quediño e moi solermiñamente deitoume na orella ista pregunta:

—Vostede, que é médico, ¿non sabería onde mercan ollos de vidro?

E por catro cartos fíxenme dono do ollo de vidro e das memorias.
As memorias do esquelete é o que ides a ler. Escoitade, pois, a un home do outro mundo, pregándovos por adiantado que non me fagades solidario das súas ideas.

Eu nascín, medrei e fíxenme home, e un bo día enfermóuseme un ollo. Fun aos médicos e lambéronme unha manchada de cartos e no remate de contas o ollo sandar sandou, pero quedoume grolo. Por aquel tempo tiña un galo tan amante que viña comer na miña man. Chamáballe Tenorio.

Un día estando eu agachado cos graos de millo na cunca das maus, veuse cara min, paseniñamente, tripando a terra con aquel de señorón fidalgo. Plántase diante de min, ergue o pescozo pra fitar de perto, cicais bulronamente, aquel meu malfadado ollo grolo e, cavilando que sería cousa de manxar, axeitoume un peteirazo tan ben dirixido que me deixou torto. Agora si, os médicos, dispois de lamberme outra manchada de cartos, puxéronme un ollo de vidro, tan ben imitado que bulía e todo.

¡A cantas mulleres engaiolei chiscándolles o ollo de vidro…!

Morrín antre cobertores como morren a cotío os bos homes, e ben afeitado e ben peiteado e co meu traxe dos días de festa —que por certo levoumo o enterrador ó día seguinte de enterrarme— fun pra debaixo dos terróns sen que ninguén se lembrase de quitarme o ollo de vidro.

Deitado na miña caixa de pino repousei moitísimos días, tantos que perdín a conta. Apodrecín axiña e aos poucos días de enterrado escomenzaron os vermes a faguerme cóchegas.

Cómpre decir que eiquí non está permitido presentarse en sociedade con farrapos de carne fedenta apegados nos ósos, pois os esqueletes, que non ven nin comen, ulen tan ben coma os vivos; así foi que namentres os vermes non manxaron a pouca freba que trouxen, non puden erguerme.

Foi unha noite de luar cando saín da cova por primeira vez. Traballiño custoume desentolle-las pernas e cando me erguín e botei a miña cachola fóra da terra, fiquei pasmado... Aquel ollo de vidro que de nada me servira na vida sírveme agora pra mirar.

Tolo de contento quitei o ollo, dinlle catro bicos e volvino a pór no seu sitio.

Dun pulo brinquei da cova e fun cara ó rueiro dos esqueletes.

Os esqueletes son tan parvos coma as persoas. Abonda decir que non pensan máis que en beilar.

Pra min tódolos esqueletes son o mesmo. Pásame niste mundo de ósos o que me pasaba no outro cos negros, que todos parecíanme iguales. En troques iles, antre si, coñécense moi ben. Debe sere porque iles son cegos i eu vexo.

Farto de ollar aos meus compañeiros beilando coma se fosen osos ao son da "Danza macabra" de Saint Saëns, afasteime do rueiro e reparei nun esquelete que estaba sentado nunha campa e que tiña a calivera ladeada (eispresión de tristura e melanconía niste mundo). Chegueime a il e fitei como na caixa dos cadriles tiña acochado un esquelete pequerrechiño. Axiña decateime que era un esquelete de muller e inquirín garimoso:

—¿Será vostede algunha muller das que mataron en Osera, Nebra ou Sofán?

—Non, señor, non —respondeume—. ¡Eu morrín de tristura!

Dispois reparei que nos ósos dos cadriles non tiña buraco de bala.

—Moi fonda debeu sere a tristura —díxenlle.

—Si, señor. Eu morrín namorada do home que apodrece debaixo desta pedra.

E ollando a pedra puden ler un epitafio en verso castelán, e pendurado da cruz ollei un retrato con marco de varilla dourada. Era un sarxento de bigote arrichado fumando un puro con anilla.

Non quixen saber máis e funme deitar.

Nistes días hai moitos enterros. Non sei si haberá andacio, pois revolución non debe habela coa covardía que teñen os vivos. Cicais haxa folga de médicos, anque non coido que os médicos poidan evita-la mortandade.

A carón de min enterraron un, e pra saír de dúbidas peteille na súa caixa.
—¿Hai andacio na cibdade?

—¡Eu que sei! —respondeume unha voz coma se saí-se por unha boca chea de papas. (Debe ter xa podre a lingua).

—¿ E logo vostede non sabe de que morreu?

—¿Eu? ¡Eu pegueime un tiro!

Déronme ganas de rir, pero non puden. Os esqueletes non rin a cachón. O bandullo é a fonte da gargallada e sen bandullo non pode habere gargallada.

—¿E logo il haberá folga de médicos?

—Non hai folga, non; pois denantes de enterrarme, dous médicos arremangados coma dous cortadores abríronme a cachola cun serrón.

Perto de min repousa un zapateiro. Contoume as súas coitas nun tono menor.

—Eu tiña unha voz de trono, unha voz que metía medo de fonda que era, i en calidá de fenómeno entrei coma baixo no orfeón; mais de alí a pouco de entrare o direutor díxome que desafinaba e tiveron o callo de botarme fóra. Deus regalárame cunha gorxa e non me dera orella... Tan magoado fiquei que perdín a coor e os folgos pra o traballo, desganeime, enflaquecín e púxenme a morrer. Tódalas noites escoitaba os ensaios do orfeón acochadiño nas tebras da rúa, sospirando arreo coa ialma doída. A tristura foi estruchándome a caixa do peito e no derradeiro ensaio do orfeón fuxeu a vida de min nun sospiro velaíño.

O probe zapateiro morreu de saudade.

Por mata-lo tempo fun ó cimeterio civil. Alí non se beila; alí todo é serio. Cando entrei funme cara un fato de esqueletes que estaban escoitando a leria dunha calivera que tiña un buraco nunha sen (calivera de suicida moi século XIX). As súas verbas tíñaos a todos coa boca aberta; pero na médea hora que estiven escoitándoo nin tan siquera puden apañar unha idea. Aquil suicida tiña un só ideal: a República.

Eu no mundo tamén fun un pouco republicano anque nunca pensei que a República fose dabondo pra gobernar Hespaña.

O que máis me fireu daquela xente foi que non quixesen falar galego, sabendo que os esqueletes non poden falar ben o castelán. Non ten volta que darlle: sen gorxa non pode pronunciarse a "j" nin a "g" fortes.

Oíndolles decir que o progreso vai cara á unidade tomei a parola pra aclarar que o progreso iña cara á harmonía e que se o progreso fose cara isa unidade antipática, antiestética, antinatural e criminal, por riba do progreso está a perfeución, e que nós, os galegos, por un desexo de perfeución e por unha dinidade que xa vai sendo dinidade persoal, non debíamos consentir que na fala dos nosos avós se eispresase somentes a incultura que lle debemos ó centralismo.

Naquel intre esquecime que non era home nin suxeto de dereito. ¡Ai! Eu xa morrín e non son nada e aínda serei menos cando a terra me coma de todo. Comprendendo que era no mundo dos esqueletes, volvín a decir:

—¿Como queredes falar castelán se non tendes gorxa?

Aínda non rematara de ceibar a derradeira verba, cando un esquelete varudo e forte, turrando por min, afastoume daquela xuntanza dicíndome:

—Vostede facer mal falar con oitocentistas.

¡Era un inglés que falaba galego!

Son moi amigo do inglés. Xuntos paseamos moitas veces. Onte saímos do cimeterio e fomos pola estrada falando de mil cousas; por certo que un mozo que iña tocando no acordión un pasodoble flamengo, ó vernos, guindou co "escorrentaporcos" (así lle chamaba eu cando vivía) e fuxeu coma un lóstrego. O inglés e mais eu choutábamos pra botar fóra a risa que tíñamos na ialma.

Voltándomos ó cimeterio falamos da terra.

¡Moito falan da terra os vivos! Unha cousa é a terra e outra cousa é a paisaxe. Pra os vivos a terra é unha cousa ben fermosa por certo, pra os mortos a terra son as tebras. Eu penso que non morreríamos se a terra non precisase de nós pra botar herbiñas e floriñas e lucirse a conta dos apodrecidos.

Seique foi María Guerrero quen nun intre de cursilería e pra engaiolar a un fato de galegos papáns, doulle un bico a unha manchada de terra galega. ¡Mellor fora que bicase a codia dun pino ou a tona dun carballo! A terra galega metida nunha ola é coma a terra castelán, poño por caso de comparanza. Os irmáns pinos e os irmáns carballos, que ha traga-la terra, ises si que son galegos.

Acabo de descubrir un gran defeuto no inglés. O descubrimento custoume unha fonda pena. Parece mentira que unha ialma tan ergueita e tan intelixente teña un humor tan pouco noble.

O inglés vén a buscarme cuase que tódolos días á miña cova e, como eu son nugallán pra erguerme, il entretense falando e xogando co esquelete dun rapaciño que repousa cabo de min.

Ollade que clas de xogo entretiña ó inglés.

Dáballe un guindamazo na calivera ó rapaz e tiráballe con ela ó chan, e dispois poñíase a choutar. O probe do esqueletiño cacheaba a tentas a calivera e dispois poñíaa no seu sitio dicíndolle ó inglés:

—¿Que mal lle fixen eu? ¡Estéase quedo!

O inglés prometía estarse quedo e axiña volvía a guindarlle coa calivera ó probe esqueletiño. E así fixo moitas veces.

Eu cando tal reparei arrepúxenme ó inglés, que me respondeu friamente:
—Min divertirme moito. Min sentir non ser no outro mundo pra donar ó rillote unha esterlina.

Os obreiros no mundo queren as patacas baratas, os labregos queren a suba das patacas e hai homes que non viven das patacas. Eiquí as patacas non son problema ningún; mais polo que fomos no mundo respeutive ás patacas, dividímonos en dúas castes.

Hai no camposanto un "pataqueiro" que morreu de fame e que hoxe ten mausoleu de mármores. Foi home de gran me-recimento na vida; mais agora é insoportábel en forza de coidar que non nacerá no mundo quen o aventaxe como poeta.

Outro esquelete de mausoleu de mármore foi un "americano" que, farto de engaiolar ós indios no Chaco con adoas de vidro, morreu en arrecendor de santidade, deixando cartos pra escolas e hospitaes. O seu mausoleu ten no peruco de todo un símbolo da Caridade en figura de ama de cría. Iste filántropo aínda conserva un bisoñé que me fai choutar coa risa.

O filántropo e mailo poeta téñense moita xenreira. O filántropo di que o poeta non fixo máis que "macanas" (supoño que quererá dicir versos). O poeta di que o filántropo foi unha besta. Disas que "sobre o ben e o mal consultan simplementes o código penal".

O poeta non é ben asisado. Anda sempre pidindo unha calivera emprestada pra recita-lo monólogo de Hamlet, e aínda fai outras tolerías.
O filántropo non fai nin di nada que mereza contarse. Sin diñeiro ten mortas tódalas súas autividades.

Agora xa sei por qué o inglés tíñame tan grande estima. ¡Xa o vexo! Pideume emprestado o ollo; mais eu con moi aloumiñantes verbas e con moi boas razóns díxenlle que non llo emprestaba.

Debaixo dunha cruz de pau mal pintada con ferruxe, repousa un esquelete que, según fala, foi tan desventurado no outro mundo como é felís niste.

—Eu era criada de servir —contoume— . Anque non era bonita tiña mocedade. Un día caíume un dente e certo demo de señorito, que andaba faguéndome as beiras, ofreceume cartos pra que fose ó dentista. Mireime no espello e axiña comprendín canto me afeaba aquel portelo na boca, e tanto esgaravellou o señorito na miña tolería moza que deixeime pór o dente... ¡Ai!, aquel dente custoume un fillo; aquel fillo custoume o creto e canto tiña de boa moza. Caín a rolos e atopeime coa morte, sen saber o que era un traxe de seda nin un grolo de champán. Fea vivín, mallada e batida; agora podo durmir.

Ista sinxela leria deixoume amaiado.

Lémbrome que sendo eu rapaz chegou meu pai da América. O probe non trouxo máis que uns borceguíns vellos e un tarro amedeado de bicarbonato; viña enfermo e morreu axiña.

Sempre chorei o fracaso de meu pai que, na miña ademiración de fillo, tíveno polo máis bo, arriscado, intelixente e forte do mundo enteiro. Aquelas terras lonxanas que zugaron a vida do meu pai foron arreo maldecidas por min. Meu pai era dino de voltar san e millonario.

Onte no rueiro falábamos das nosas vidas e chegoume a vez de conta-la miña. Aínda non rematara de contala, cando un esquelete, dises esqueletes que parecen parvos, ergueuse coma un lóstrego e doume tan forte aperta que me rompeu unha costela.

¡Era meu pai!

Con certo esquelete que trouxo na cachola unha biblioteca enteira falo de moitas cousas e de todas sabe moito o meu amigo. De todas sabe moito, menos do que é o humorismo.

Cando chegamos nas nosas conversas a tal punto, o meu amigo fai catro ou cinco funambulismos filosóficos, estudia o humorismo dos grandes humoristas, fuxen as horas e no remate de contas ficamos sen saber migalla do asunto. Ás veces parece que vai chegar á definición e de súpeto engadella máis o fío.

Un esquelete ten de sere humorista e un esquelete galego moito máis aínda. Un galego é sempre socarrón ou humorista e a socarronería é o humorismo dos incultos así como o humorismo é a socarronería dos cultos. Un esquelete galego que trouxo unha biblioteca na cachola debía definir o humorismo e non o define e según di non houbo ninguén que o definise aínda.

Eu, que non trouxen máis de tres ou catro libros na cachola, póñolle eixemplos coma istes:

—Un rapaciño pequerrechiño escacha unha botella de aceite nas pedras da rúa e o probiño chora. Un home gordo dende a porta dunha tenda olla ó rapaz e rise. ¿Cal das dúas figuras lle interesa máis ó humorista?

—Pola porta dunha eirexa saen dous noivos acabados de se casaren. A noiva —¡malpocada!— non pode tapar o que leva de sete meses. Na porta da eirexa hai moita xente. Unha muller gorda abanea o bandullo coa risa. Un home, que ten un libro debaixo do brazo, olla sereo a escea. Unha muller do pobo pon a cara doída. Outra muller, tamén do pobo, enruga o nariz e rosma polo baixo verba coma ista: ¡sinvergonza! ¿Quen dista xente é humorista?

—Un médico cachea o bacilo de Koch no esputo dun seu amigo e de súpeto ergue a testa, respira forte, acariña o microscopio e di sospirando: "¡Atopeino!". ¿Pode sere humorista iste home?

—Vestir un rapaciño de toureiro ou de militar no antroido, ¿pode sere humorismo?

—Direille... direille —contesta sempre o sabio esquelete—. E non me di nada.

Eu ben podía escribir algo da Santa Compaña; mais o pobo galego ficaría sen un misterio nas longas noites do inverno, cando o maxín ferve na cachola coma o caldo no pote. Non; eu calarei coma unha estoa.
O que "anda" cos mortos que perda a coor das meixelas, que enflaqueza e que morra. A Santa Compaña fai falla nas cociñas mornas ó redor da lareira, cando zoa o vento nas tebras da noite.

Hoxe meu pai, cun lagarto apreixado nas maus, faloume diste xeito:

—Teño de ir ó San Andrés de Teixido pra cumplir unha oferta que fixen e non cumplín en vida. A miña ialma ten de encarnar niste lagarto e moito tempo tardarei en voltar. Recoméndoche que teñas conta da miña cova e que de vez en cando botes unha ollada ó meu esquelete, pois teño un veciño coxo e pode roubarme unha perna.

Quixera estar soterrado nun cimeterio aldeán, no adro da eirexa... ¡Con que ledicia escoitaría nas mañáns ledas do domingo as conversas dos feligreses! Niste cimeterio de cibdade as xentes non veñen máis que a falar dos mortos, ¡e cantas parvadas din...! Logo, meus compañeiros, afeitos ás regalías do outro mundo ou fracasados na vida, non fan máis que laiárense polo que perderon ou polo que non conqueriron.

Dende fai tempo veño reparando que un home de carne e óso sae dunha cova, gabea pola parede do cimeterio e foxe cara á cibdade. De alí a dúas ou tres horas volta pra o cimeterio ensumíndose nun decir amén debaixo da terra. A primeira vez que tal reparei non quería dar creto ó meu ollo; mais o caso repiteuse moitas veces arreo.

Unha noite púxenme ó axexo agardando que xurdise da terra e fun detrás dil. Correr corría o condanado; mais eu, escorréndome polas sombras dos muros, non quitei o ollo de enriba dil. Chegou ó burgo máis probe da cibdade e parouse diante dunha chouza entrando dispois nela por unha rendixa da porta. Eu rubin ó tellado e saltei á horta que daba detrás da chouza, e por un buraquiño puden fitar a escea máis arrepiante que poidera maxinarse. Unha lampariña de aceite alumeaba mornamente a cariña fraca i encoveirada dunha rapaza que durmía nun leito misérrimo. O pantasma chegouse a ela i estivo unha chea de tempo cos beizos pousados no pescozo da rapaza.

Cando se ergueu tiña a boca ourelada de roxo, namentras no pescozo da rapaza corría un fío de sangue e na pele da súa cariña fraca arrufiaba a brancura da morte.

Aquel pantasma era un vampiro.

No siguente día o pantasma chuchou o derradeiro sangue que podía dar a probe rapaza. Cando aínda estaba quente a derradeira badalada das doce horas no campanario da eirexa, ouvearon os cans ventando a morte.

O vampiro sigueu chuchando o sangue de máis vítimas, que iñan morrendo coma as lámparas de aceite chuchadas polos morcegos.

Quixen saber quen fora o vampiro no mundo dos homes e fun ler o seu nome de bronce no rico mármore da campa. O nome só abondoume: fora un canalla que roubaba pra dar regalía ó seu bandullo de porco; dono da xusticia, roubaba dende a súa confortábel casa. ¿Pra que decir máis? Era... ¡era un cacique!

Eu quería atopar maneira de darlle morte ó vampiro. Busca por eiquí, cachea por acolá... non puden abranguer nos currunchos do maxín unha boa iñorma pra matalo, e quixen falar co esquelete que trouxo unha biblioteca na cachola pra ver se me daba luces a súa conversa.

—No vampirismo cren moitos pobos e hai moitas probas xudiciaes de aparicións de pantasmas que chuchaban sangue de persoas; mais eu coido que non debe dárselle creto a semellantes contos. Fuxiron os tempos en que o verdugo queimaba os cadavres sospeitosos de vampirismo e hoxe non se permitiría en ningures espetar unha estaca no curazón dun cadavre.

O meu amigo, cheo de cencia oficial, moqueábase das xentes sinxelas que cren nos vampiros. Eu gardei o meu segredo pra non pasar por parvo e seguín preguntando solermiñamente:

—¿E hai sabios no mundo que cren no vampirismo?

—Hainos. A fundadora da Teosofía fala de iso e conta moitos feitos. Se mal non me lembro acolle a eisplicación do fenómeno por causas físicas. Cando un morto aparente estivo moi apegado á materia e foi na vida un malvado, o corpo astral, envolto no doble etéreo, sae da sepultura con obxeto de manter ó corpo físico con sangue que chucha nas persoas vivas, e desta maneira perpetúase o estado cataléptico do soterrado. O corpo astral comunica o sangue dun xeito aínda descoñecido; mais agardan que calquera día sexa eisplicado polas cencias psicolóxicas.

—¿E vostede nin tan siquera ten dúbidas?

—Eu, que son home ben asisado, non creo; anque, de certo, fanme cavilar certas cousas, como son as mortes aparentes e o feito de habérense atopado cadavres que aínda tiñan as carnes moles, os ollos abertos, o coiro sonrosado, a boca e o nariz cheos de sangue fresco, que tamén xurdía das feridas que, por asesinato ou por axusticiamento, lles produxeran a morre. Tal contan vellos documentos.

—¿E de que maneira podería dárselle morte ó vampiro?

—Pois... para arredar o corpo astral do físico non hai outro remedio que queima-lo cadavre.

Non quixen saber máis. Afasteime da miña biblioteca e fun pensando pra os meus adentros: "Vampiros hainos; pois logo, polo si ou polo non, debían queimarse a tódolos caciques. Os caciques son capaces de facérense os mortos pra seguir vivindo a conta dos malpocados".

FIN
Leutor:

Xa que liches as memorias do esquelete soterrado nun cimeterio de cibdade e xa que te regalaches deprendendo cousas do Alén que non sabías, ben podes escoitarme un anaquiño a min e pra rematar axiña.

Unha cousa que fixen con premeditación e nouturnidade podería levarme á cadea habendo testigos; mais eu asegúroche que non foi por mal. Atende.

Co ollo de vidro mercado ó enterrador de cibdade pillei o camiño da parroquia de Tal e alí, no adro da eirexa e axudado por un home valente, pasada medeanoite, abrín a sepultura onde repousa pra sempre xamais un amigo meu. ¡Medo papeino!

O meu amigo foi rapaz de grande intelixencia e dun esprito superior a toda louvanza. Estudeamos xuntos na vella Compostela e a gripe escamoteouno da miña vista. Como derradeira proba de fonda amistade quixen faguerlle regalo do ollo de vidro. ¡Dispois de todo eu non o quería pra nada…!

Abrimos a tapa da caixa ben a modiño pra non escangalla-lo esquelete. Ouh, leutor: meu amigo conservaba o seu traxe e os seus zapatos novos, proba de que o enterrador de aldea é mellor cristiano que o seu colega da cibdade.

Na cunca direita da súa calivera pousei o ollo de vidro, riba das súas maus pousei un bloque de papel mais un lápiz. E arrechegándome ó buraco do ouvido, díxenlle así:

—Querido Pedro: Velaí che deixo un ollo de vidro pra que vexas, papel e lápiz pra que escribas. Serás o rei niste cimeterio; mais eu prégoche que non te fagas cacique. Pasados algúns meses virei recoller canto ti escribas. Perdóname, amantiño, que non che dea un bico. Adeus e deica logo.

Se canto escriba o meu amigo é dino de intrés asegúroche que será publicado pra que compares e vexas que non é o mesmo ser soterrado no adro dunha eirexa que nun cimeterio de cibdade.

Regálate como poidas, leutor, e non che digo máis.

Alfonso R. Castelao

De http://www.museocastelao.org/produccion.html


Biografía: http://fauvelapetitesauvage.blogspot.com/2007/02/o-neno-das-pinhas-castelao.html

No hay comentarios:

Entradas populares

beruby.com - Empieza el día ganando

¡Gracias, Kira!

Gracias, Athena, con todo mi cariño, mi admiración y mi vergüenza por no haber visto el premio en su momento

¡Locos por los gatos!

¡Locos por los gatos!
¿Te apuntas?

Flores contra el Cáncer / Flowers against Cancer

Flores contra el Cáncer / Flowers against Cancer
Antoni Lozano

No compres, ¡adopta!
Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet

ÚNETE AL "MANIFIESTO POR LA SOLIDARIDAD" HACIENDO CLICK EN LA IMAGEN

¡ ¡ ¡ ¡ T E S O R O S ! ! ! !

¡ ¡ ¡ ¡ T E S O R O S ! ! ! !
¡Gracias, Candela!

¡Gracias, Alma Cándida!

¡Gracias, Alma Cándida!

¡Gracias, Lisebe!

¡Gracias, Candela! Algún día iré a Limerick...

¡Graciñas, Lisebe!

¡Gracias, Candela!

¡Gracias, Catman!

¡Gracias, P Vázquez "ORIENTADOR"!

¡Gracias de nuevo, P Vázquez "ORIENTADOR"!

PREMIO AL RETO "EN SEIS PALABRAS". ¡Gracias, Candela!

¡Gracias, BLAS!

¡Gracias, Nico!

Rosa Amiga por ser una cuentista

Rosa Amiga por ser una cuentista
¡Gracias, Groucho!

¡Gracias, P.Vázquez Orientador!

Lo encontré, por fin; ¡Gracias, Catman!

¡Gracias, Luis Antonio!

¡Gracias, Toupeiro!

¡Gracias, BLAS!

¡Gracias, Ababoll!